PROVINCIAL LUGO COMPAK SPORTING
Marcos Vázquez foi o campión provincial e Rodolfo Cabezas o campión da proba
15/05/2021

XX Campionato Provincial de Lugo de Compak Sporting

No campo de tiro eventual sito no monte do Cristo da localidade lucense de Portomarín tiña lugar no día de onte, 15 de maio, a edición número XX do Campionato Provincial de Lugo de Compak Sporting.

Un campionato celebrado dentro do programa de probas da Festa da Caza de Lugo e que contou coa organización da Federación Galega de Caza de Lugo e a colaboración da Sociedade de Cazadores San Nicolás.

Preto de 30 tiradores desputaban este campionato provincial a un total de 50 pratos divididos en duas canchas de tiro e nas que o leonés Rodolfo Cabezas Cuervo acadaba o primeiro posto da clasificación xeral cun total de 46 pratos escachados.

Foi preciso a realización dun desempate para coñecer o segundo e terceiro posto entre o lucense Marcos Vázquez Cabado e o pontevedrés José Antonio Vasconcellos Vicente que remataron a tirada con 44 pratos escachados. Foi este último o que cun pleno acadaba a prata e Vázquez Cabado o bronce e ao mesmo tempo se proclamaba campión provincial.

Na categoría Senior o primeiro posto era para Juan Carlos Bande López con 41 pratos. O segundo e terceiro posto eran para Carlos Misa Alonso e Mario González Yáñez, respectivamente.  

Luis Salmerón Madera era o Máster mellor clasificado cun total de 33 pratos escachados. José María González Rodríguez era o Veterano que acadaba o primeiro posto con 35 pratos. O xoven tirador Omar Insúa Rodríguez acadaba o ouro con 34 pratos na categoría de Xuvenil.

Este Campionato contou co patrocinio da: Secretaría Xeral para o Deporte e Mutuasport e coa colaboración de Solognac.